Fin de vacacións e o inicio dun novo curso político: as malas contas do Goberno Zapatero

lunes, 31 de agosto de 2009

Volvo das pequenas vacacións que me tomei renovado e con máis forza. Disfrutar da compañía da familia e dos amigos, estar presente en cada un dos sorrisos das miñas fillas é algo que non ten prezo. Sirve, máis que nada no mundo, para cargar pilas e regresar ao traballo con anovadas enerxías. Pasei algúns días por terras do sur, como nos últimos anos. É certo que teñen máis horas de sol, e que as comidas e o carácter son distintos. Polo demais, un séntese como en casa, esa casa grande que se chama España, onde todos temos cabida.

Eses días de descanso quedan atrás e veño de retomar o ritmo normal das actividades da consellería e da Xunta. Estamos a punto de estrear un novo curso político. E facémolo coa experiencia de contar con máis de 100 días de goberno detrás. 100 días con resultados. Pero queda moito traballo por diante. As prioridades para remontar a crise seguen estando claras. Agora toca darlles forma a través dunha armazón orzamentaria máis acaída que a que tivemos en 2009. É certo que os recursos son limitados, pero xa puxemos as bases para tirar deles o máximo posible. Con austeridade e rigor, procurando a eficacia por riba de todo.

O Presidente da Xunta dixo recentemente que o noso obxectivo é facer política de altura cos pes na terra. Pasiño e pasiño, como se fan en Galicia as cousas, pero sen perder un horizonte de ambición. Nada que ver coa imaxe que estes días nos está ofrecendo o goberno de España, onde todo é opacidade, falla de previsión e unha constante fuxida cara diante.

Seguimos contando malos resultados económicos, cando Europa parece estar remontando. E o que resulta innegable é que se suman xa demasiados argumentos na conta negativa do Goberno: agora as comunidades autónomas teñen que devolver 6.000 millóns de euros dunha débeda derivada da falla de rigor na elaboración dos orzamentos xerais do Estado; estamos como estabamos ao respecto das cifras de financiamento autonómico que a estas alturas seguen sen estar claras e, nas vésperas de que o Tribunal Constitucional emita a súa sentencia sobre o Estatuto Catalán, véselle polas declaracións de algúns que o que dixemos no seu momento sobre o perigo de alimentar esa aventura no debate territorial non andaba tan desencamiñado.

Estes son os efectos do medio prazo de medidas equivocadas e dunha mala xestión prolongada no tempo. O instantáneo, o de agora, é o engano do pago de axudas a parados sen prestacións e a máis que probable suba de impostos. Esta é a liña, cargar sobre os ombreiros da xente, ocorrencias como a dos 400 euros e demais cheques para comprar o voto.

O peor que pode pasar en política é carecer dun modelo, un modelo económico e un modelo de Estado. Esta é a marca dos socialistas, carecer de modelo para calquera cousa que non sexa o puro electoralismo e a actualidade política máis inmediata.

Hoxe máis que nunca, a alternativa en España chámase Partido Popular, un partido con proxecto e con modelo, un partido que soubo sacar ao país da crise e que volverá facelo logo de que unhas novas eleccións poñan fin a este desaguisado.

Os e tantos

martes, 14 de julio de 2009


Hai uns días estreeime nos corenta e tantos. E hai cousas que non cambian. Sigo encarando o traballo con alegría. Ás veces hai desgustos, pero nada hai que non se poida arranxar cun pouco de humor. Son dos que pensan que hai que levar a risa tamén ao ámbito da política: a risa ben entendida e mesmo iso tan galego como é a retranca.

Quero pensar (e non quero deixar de facelo nunca) que detrás destes xestos, hai unha actitude vital de ilusión. Ilusión por cambiar e mellorar as cousas. Precisamente, con ilusión chegamos a onde estamos, ao goberno de Galicia. E esa mesma ilusión é a que queremos seguir xerando de cara ás vindeiras eleccións municipais de 2011.

A semana pasada celebramos un Comité de Dirección do Partido onde perfilamos o programa de traballo para chegar en forma a esa importante cita electoral. Xogámonos moito. Especialmente nas grandes cidades, nas que cada vez resulta máis evidente que as fórmulas do bipartito non funcionan. O reto é recuperar as grandes alcaldías e establecer un marco de goberno local estable, que traballe en sintonía cos principais eixes de actuación da Xunta.

Nesta liña, temos como obxectivo inmediato revitalizar a Comisión das cidades, un órgano fundamental para visibilizar o noso programa de goberno nas sete cidades galegas.

Paralelamente, imos desenvolver un traballo centrado no territorio, tomando aos 315 concellos de Galicia como escala de acción. Nesta tarefa, resultará fundamental o proceso de selección de candidatos e candidatas, porque ninguén como eles para transmitir a mensaxe do Partido Popular.

Chegar a todas as casas, a todas as familias, explicando as nosas propostas e sen que quede nin unha soa das oportunidades sen aproveitar para reforzar o noso proxecto. Este é o principal desafío. O primeiro partido de Galicia será máis primeiro que nunca. Diso estou seguro, porque temos demostrado con creces que con traballo e con ilusión chegamos a onde nos propoñamos.

Unha magnífica oportunidade para tirar da canteira en materia de emerxencias

martes, 7 de julio de 2009


Para os que gozamos do deporte de base, poucas cousas hai tan gratificantes como ver aos deportistas da canteira, na disciplina que sexa, escalar postos no ranking e bater as marcas do triunfo. En pleno momento de crise, as cifras que certifican a benvida dun dianteiro como Cristiano Ronaldo chegan a marear e a máis de un nos dá por pensar que ao mellor hai outros camiños para levantar a equipos e competicións e para xerar ilusión.
Algo disto pasou en Galicia no campo das emerxencias. O bipartito creou unha Axencia Galega de Emerxencias que estaba chamada a ser un dos referentes en materia de seguridade pública ao nivel das autonomías. Un proxecto estrela, o Cristiano Ronaldo das emerxencias.

No canto disto, esta proposta medrou sobre pés de barro, con grandes investimentos proxectados que non se traduciron nunha mellora efectiva da operatividade dos dispositivos existentes. Houbo falla de planificación e unha xestión errática, de xeito que ningún dos obxectivos que impulsaron a creación da Axencia se chegaron sequera a albiscar. A pesares dos cartos investidos, non houbo ningún resultado práctico.

Entre outras cousas, quedou pendente a construción da sede da nova Axencia, planificada inicialmente no concello de Oroso. No novo goberno cremos que hai marxe para aproveitar recursos xa existentes e, nesa liña, temos proposto levantar o novo edificio nas instalacións que a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) ten na Estrada. Ás veces non se trata tanto de multiplicar investimentos como saber empregar con criterio os que xa tes.

Onte estivemos precisamente na Estrada, visitando a AGASP. Conta cunhas excelentes dependencias e unha dotación tecnolóxica con potencial para novos desenvolvementos, porque se hai algo certo é que o centro da Estada pode dar moito máis de si. Imos traballar nesa liña, coa idea de unificar a xestión das emerxencias e a formación en seguridade pública, optimizando recursos que xa están en funcionamento como a sala de crise de que dispón a Academia, a propia residencia ou o heliporto.

Con esta actuación, conseguiremos un aforro de entre o 30 e o 40 por cento con respecto ao previsto no proxecto orixinal en Oroso e, sobre todo, garantiremos unha mellora substantiva do sistema de intervención nas emerxencias, con maior axilidade nos prazos. Sen dúbida, unha boa nova. Unha boa nova que demostra que é posible tirar da canteira para ter un centro de emerxencias á altura do século XXI.

Gañar en velocidade non é ter coches de luxo

jueves, 2 de julio de 2009

Onte presentamos as primeiras medidas do Plan de reestruturación do parque móbil da Xunta. Van na liña do que temos dito repetidas veces: neste momento de crise, hai que aplicar o guión da austeridade, reaxustando gastos e facendo do aforro unha clave para investir máis alí onde máis se precisa.

Ademais de compralos, os coches hai que mantelos. Soubemos que o Audi de Touriño tivo en 15 meses uns gastos de mantemento de case 80.000 euros, a razón de 5.000 euros por mes, oito veces máis que o salario mínimo. Que consumiu 18 neumáticos en 50.000 quilómetros de rodaxe. Cun blindado destas características se multiplican os custes sen multiplicar o rendemento.

Por iso, quixemos darlle pronta resposta á pregunta de qué facer cos Audis. O Consello da Xunta ven de autorizar o inicio do procedemento de alleamento de 23 vehículos de alta gama que non se usan na actualidade. Non se usan porque non teñen funcionalidade práctica máis alá dos desprazamentos de altos cargos. E o que está claro, é que hai coches de sobra e cun coche por conselleiro - por certo, un Citroën-, sobra e basta. Agora eses 23 vehículos serán vendidos e a cambio a Xunta obterá coches adaptados para servizos sociais e sanitarios, para servizos de protección civil e para a policía local.

Creo sinceramente que se trata dunha boa medida e dunha medida esperada. A primeira dun proceso máis amplo onde trataremos de optimizar o rendemento do parque móbil da Xunta, con máis aforro e un funcionamento máis eficiente. A austeridade chegou, por fin, a todo un símbolo dos excesos do bipartito.

Unha nova etapa para Galicia

Despois dun tempo desaparecido, volvo tomarlle fío ao blog. Estes teñen sido meses de vértigo, dunha intensidade que só é comparable á importancia do que temos conseguido. Gañamos as eleccións e un novo goberno traballa con optimismo o futuro de Galicia. Todo o que arelabamos xa está sendo.

Iniciamos unha nova etapa e iso ten o seu aquel. Tamén ao nivel persoal. De repente veste sentado nun despacho e se suceden as xornadas vibrantes para saber dos recursos cos que contas, do que se prometeu e non se fixo, do que se fixo e era prescindible, de todo o pendente... E por suposto (e sobre todo) para definir novos proxectos.

Temos traballo por diante: moitos dos compromisos asumidos polo bipartito non se cumpriron e, máis aínda, non se soubo priorizar gastos para atender ao realmente necesario.

Sinceramente, creo que houbo moito de propaganda e pouco de investimento realmente produtivo. Os xa famosos buratos veñen tamén de aí, dunha fuxida cara diante na xestión e dunha acción política a miúdo artificial e desconectada da realidade.

Son tempos difíciles, pero creo sinceramente que Galicia conta co mellor goberno dos posibles nesta nova etapa. Existe un equipo compacto e ben compensado. Un goberno a imaxe da pluralidade e diversidade da sociedade galega, que fai do traballo e da entrega claves fundamentais para impulsar un programa político en positivo, sen consignas e sen estridencias.

Sen dúbida, os próximos anos van ser decisivos. Temos na man debuxar unha nova fronteira de oportunidades para Galicia. Superar a crise é o primeiro paso, freando a sangría do desemprego e articulando verdadeiros servizos e recursos para o benestar das persoas. Esta é a aposta, unha aposta que deberemos construír sobre a base do traballo compartido e a suma de esforzos. Nese camiño andamos xa, logo de acadar a confianza maioritaria da cidadanía galega.

A todos os que tedes traballado para facer desta vitoria unha realidade ilusionante, moitas grazas. E a todos os que vos achegades a este espazo, sabede que de agora en adiante fago o firme propósito de atopar tempo para escribir nel. Será un bo momento de reflexión e de calma.

Hoxe, en Santiago, gañou a liberdade

domingo, 8 de febrero de 2009


Moitas cousas pasaron hoxe en Santiago; moitas, todas á vez e cun denomiñador común: gañou a liberdade.

Gañou a liberdade porque 5.000 persoas (seguro que representando a moitas máis) acudimos a Santiago de Compostela para decir non ó monolingüismo, sexa na lingua que sexa, e que tan malo é que nos impoñan o galego como que nos impoñan o castelán. Poder elexir: iso é o que nos fai libres.

E gañou a liberdade, tamén, porque eramos moitos máis os que fomos alí a decir as cousas pacíficamente, os que creemos na tolerancia que caracteriza á inmensa maioría dos galegos, fronte a unha minoría que berra e intenta arremeter contra os que non comulgan coas súas rodas de muiño.

Mágoa que o Sr. Touriño e o Sr. Quintana, que adicaron boa parte desta semana a descalificar a todos os que hoxe pensaban estar na Manifestación de GB, non teñan sido igual de categóricos e taxantes cos douscentos energúmenos que se adicaron a tentar reventala. Será que lles teñen máis respeto; ou quizá- quen sabe- bastante máis medo.



Noraboa, en fin, ós organizadores do acto de hoxe; GB é unha entidade apolítica, e penso que asi debe seguir: se pode estar dacordo ou non nos seus plantexamentos; se pode discrepar ou non con algunhas das súas manifestacións; se pode, mesmo, pensar que certas medidas que propoñen deben adaptarse moito máis ás características e circunstancias reais de Galicia.

Pero o que non se pode negar é que na base do que reclaman está algo que case tódolos galegos podemos asumir sen ningún problema: liberdade, convivencia e respeto: e isto, que sempre é importante, se convirte en fundamental cando da lingua ( a nosa e a dos nosos fillos) se trata.

En Galicia hai tres Partidos con representación parlamentaria. Lástima que dous deles non sexan capaces de entender cousas tan elementais.

Novos cabezas de lista: ilusión e renovación

viernes, 16 de enero de 2009


Hoxe presentamos ás persoas que encabezarán as listas do PPdeG por cada unha das catro provincias galegas. Sinceramente, e como director de campaña do partido, teño que dicir que estou orgulloso de como están saíndo as cousas.

Que temos o mellor candidato tíñao claro dende facía tempo. Feijóo será mellor presidente que Touriño, diso non hai dúbida. Tamén teremos o mellor programa electoral, porque non hai mellor forma de suscitar solucións aos problemas da xente que coñecelos en primeira persoa e tratalos con responsabilidade. E desde logo iso é o que estamos facendo.

Agora chega o momento de completar a alineación, de acabar de formar o equipo que acompañará a Feijóo e a todo o PPdeG na vitoria do un de marzo.

Sempre adoita dicirse iso de que a elaboración das listas é unha das tarefas máis difíciles na dirección dun partido; e é certo. Son moi bos os que estaban, como son moi bos os que van incorporarse. Poderiamos elaborar moitas listas e todas serían moi boas. E é que máis que nunca crece e crece o número de persoas que queren incorporarse ao proxecto de Feijóo. Grazas a todos e a todas. En equipo, unidos, e co esforzo de todos, conseguiremos configurar as mellores candidaturas. E como proba, os cabezas de lista esta mañá presentados.

En Lugo presentamos a unha muller feita a si mesma. Raquel Arias, alcaldesa de Sober, naceu nun pequeno concello rural e soubo trazarse unha traxectoria profesional envidiable. Coraxe e valentía; tesón e saber facer; xenerosidade e compromiso. Estes e outros moitos cualificativos describen á nosa potente baza electoral nunha provincia na que nos xogamos boa parte das nosas aspiracións para facer a Alberto presidente da Xunta. Sei que o partido en Lugo estará á altura, e sei que Raquel varrerá ao resto de partidos que só aspiran a que a súa derrota non sexa por goleada.


Na Coruña, o mellor dos candidatos posibles: Carlos Negreira. É presidente provincial e foi o artífice do vuelco electoral que tivo lugar na cidade herculina nas municipais de 2007. Puxo fin a anos de maioría absoluta de Paco Vázquez e lle birlou ao PSOE tres concelleiros. Ninguén dubida de que será alcalde en 2011. De momento, defenderá os intereses dos cidadáns da provincia e sobre todo da cidade de Coruña no Parlamento galego. É dicir, traballará polos seus veciños en dobre quenda e dobre condición: desde o concello e desde a Cámara. Un exemplo de entrega e dedicación.

Luís Carreira encarna a ilusión dos galegos que ven en Feijóo a solución á situación que atravesa Galicia. É un experto económico que sempre traballou baixo o común denominador do éxito. Con todo, déixao todo para subirse á nave de Alberto porque cre que o proxecto do PPdeG merece a pena, invita a arriscarse e ofrece un desafío ao que é difícil dicir "non". Nunca estivo en política, pero non é desas persoas ás que lles dea medo asumir retos. E iso hónralle. Xente valente, preparada, comprometida e con capacidades recoñecidas é o que necesita Galicia.

Con este partido, programa e plantel está claro que temos todos os mimbres para facer unha campaña ilusionante que nos leve á Presidencia da Xunta.

Ah, faltábame ofrecervos unhas pinceladas sobre o candidato do PPdeG na provincia de Pontevedra. Chámase Alberto Núñez Feijóo, e vai ser o próximo presidente de Galicia.