Os e tantos

martes, 14 de julio de 2009


Hai uns días estreeime nos corenta e tantos. E hai cousas que non cambian. Sigo encarando o traballo con alegría. Ás veces hai desgustos, pero nada hai que non se poida arranxar cun pouco de humor. Son dos que pensan que hai que levar a risa tamén ao ámbito da política: a risa ben entendida e mesmo iso tan galego como é a retranca.

Quero pensar (e non quero deixar de facelo nunca) que detrás destes xestos, hai unha actitude vital de ilusión. Ilusión por cambiar e mellorar as cousas. Precisamente, con ilusión chegamos a onde estamos, ao goberno de Galicia. E esa mesma ilusión é a que queremos seguir xerando de cara ás vindeiras eleccións municipais de 2011.

A semana pasada celebramos un Comité de Dirección do Partido onde perfilamos o programa de traballo para chegar en forma a esa importante cita electoral. Xogámonos moito. Especialmente nas grandes cidades, nas que cada vez resulta máis evidente que as fórmulas do bipartito non funcionan. O reto é recuperar as grandes alcaldías e establecer un marco de goberno local estable, que traballe en sintonía cos principais eixes de actuación da Xunta.

Nesta liña, temos como obxectivo inmediato revitalizar a Comisión das cidades, un órgano fundamental para visibilizar o noso programa de goberno nas sete cidades galegas.

Paralelamente, imos desenvolver un traballo centrado no territorio, tomando aos 315 concellos de Galicia como escala de acción. Nesta tarefa, resultará fundamental o proceso de selección de candidatos e candidatas, porque ninguén como eles para transmitir a mensaxe do Partido Popular.

Chegar a todas as casas, a todas as familias, explicando as nosas propostas e sen que quede nin unha soa das oportunidades sen aproveitar para reforzar o noso proxecto. Este é o principal desafío. O primeiro partido de Galicia será máis primeiro que nunca. Diso estou seguro, porque temos demostrado con creces que con traballo e con ilusión chegamos a onde nos propoñamos.

Unha magnífica oportunidade para tirar da canteira en materia de emerxencias

martes, 7 de julio de 2009


Para os que gozamos do deporte de base, poucas cousas hai tan gratificantes como ver aos deportistas da canteira, na disciplina que sexa, escalar postos no ranking e bater as marcas do triunfo. En pleno momento de crise, as cifras que certifican a benvida dun dianteiro como Cristiano Ronaldo chegan a marear e a máis de un nos dá por pensar que ao mellor hai outros camiños para levantar a equipos e competicións e para xerar ilusión.
Algo disto pasou en Galicia no campo das emerxencias. O bipartito creou unha Axencia Galega de Emerxencias que estaba chamada a ser un dos referentes en materia de seguridade pública ao nivel das autonomías. Un proxecto estrela, o Cristiano Ronaldo das emerxencias.

No canto disto, esta proposta medrou sobre pés de barro, con grandes investimentos proxectados que non se traduciron nunha mellora efectiva da operatividade dos dispositivos existentes. Houbo falla de planificación e unha xestión errática, de xeito que ningún dos obxectivos que impulsaron a creación da Axencia se chegaron sequera a albiscar. A pesares dos cartos investidos, non houbo ningún resultado práctico.

Entre outras cousas, quedou pendente a construción da sede da nova Axencia, planificada inicialmente no concello de Oroso. No novo goberno cremos que hai marxe para aproveitar recursos xa existentes e, nesa liña, temos proposto levantar o novo edificio nas instalacións que a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) ten na Estrada. Ás veces non se trata tanto de multiplicar investimentos como saber empregar con criterio os que xa tes.

Onte estivemos precisamente na Estrada, visitando a AGASP. Conta cunhas excelentes dependencias e unha dotación tecnolóxica con potencial para novos desenvolvementos, porque se hai algo certo é que o centro da Estada pode dar moito máis de si. Imos traballar nesa liña, coa idea de unificar a xestión das emerxencias e a formación en seguridade pública, optimizando recursos que xa están en funcionamento como a sala de crise de que dispón a Academia, a propia residencia ou o heliporto.

Con esta actuación, conseguiremos un aforro de entre o 30 e o 40 por cento con respecto ao previsto no proxecto orixinal en Oroso e, sobre todo, garantiremos unha mellora substantiva do sistema de intervención nas emerxencias, con maior axilidade nos prazos. Sen dúbida, unha boa nova. Unha boa nova que demostra que é posible tirar da canteira para ter un centro de emerxencias á altura do século XXI.

Gañar en velocidade non é ter coches de luxo

jueves, 2 de julio de 2009

Onte presentamos as primeiras medidas do Plan de reestruturación do parque móbil da Xunta. Van na liña do que temos dito repetidas veces: neste momento de crise, hai que aplicar o guión da austeridade, reaxustando gastos e facendo do aforro unha clave para investir máis alí onde máis se precisa.

Ademais de compralos, os coches hai que mantelos. Soubemos que o Audi de Touriño tivo en 15 meses uns gastos de mantemento de case 80.000 euros, a razón de 5.000 euros por mes, oito veces máis que o salario mínimo. Que consumiu 18 neumáticos en 50.000 quilómetros de rodaxe. Cun blindado destas características se multiplican os custes sen multiplicar o rendemento.

Por iso, quixemos darlle pronta resposta á pregunta de qué facer cos Audis. O Consello da Xunta ven de autorizar o inicio do procedemento de alleamento de 23 vehículos de alta gama que non se usan na actualidade. Non se usan porque non teñen funcionalidade práctica máis alá dos desprazamentos de altos cargos. E o que está claro, é que hai coches de sobra e cun coche por conselleiro - por certo, un Citroën-, sobra e basta. Agora eses 23 vehículos serán vendidos e a cambio a Xunta obterá coches adaptados para servizos sociais e sanitarios, para servizos de protección civil e para a policía local.

Creo sinceramente que se trata dunha boa medida e dunha medida esperada. A primeira dun proceso máis amplo onde trataremos de optimizar o rendemento do parque móbil da Xunta, con máis aforro e un funcionamento máis eficiente. A austeridade chegou, por fin, a todo un símbolo dos excesos do bipartito.

Unha nova etapa para Galicia

Despois dun tempo desaparecido, volvo tomarlle fío ao blog. Estes teñen sido meses de vértigo, dunha intensidade que só é comparable á importancia do que temos conseguido. Gañamos as eleccións e un novo goberno traballa con optimismo o futuro de Galicia. Todo o que arelabamos xa está sendo.

Iniciamos unha nova etapa e iso ten o seu aquel. Tamén ao nivel persoal. De repente veste sentado nun despacho e se suceden as xornadas vibrantes para saber dos recursos cos que contas, do que se prometeu e non se fixo, do que se fixo e era prescindible, de todo o pendente... E por suposto (e sobre todo) para definir novos proxectos.

Temos traballo por diante: moitos dos compromisos asumidos polo bipartito non se cumpriron e, máis aínda, non se soubo priorizar gastos para atender ao realmente necesario.

Sinceramente, creo que houbo moito de propaganda e pouco de investimento realmente produtivo. Os xa famosos buratos veñen tamén de aí, dunha fuxida cara diante na xestión e dunha acción política a miúdo artificial e desconectada da realidade.

Son tempos difíciles, pero creo sinceramente que Galicia conta co mellor goberno dos posibles nesta nova etapa. Existe un equipo compacto e ben compensado. Un goberno a imaxe da pluralidade e diversidade da sociedade galega, que fai do traballo e da entrega claves fundamentais para impulsar un programa político en positivo, sen consignas e sen estridencias.

Sen dúbida, os próximos anos van ser decisivos. Temos na man debuxar unha nova fronteira de oportunidades para Galicia. Superar a crise é o primeiro paso, freando a sangría do desemprego e articulando verdadeiros servizos e recursos para o benestar das persoas. Esta é a aposta, unha aposta que deberemos construír sobre a base do traballo compartido e a suma de esforzos. Nese camiño andamos xa, logo de acadar a confianza maioritaria da cidadanía galega.

A todos os que tedes traballado para facer desta vitoria unha realidade ilusionante, moitas grazas. E a todos os que vos achegades a este espazo, sabede que de agora en adiante fago o firme propósito de atopar tempo para escribir nel. Será un bo momento de reflexión e de calma.