Novos cabezas de lista: ilusión e renovación

viernes, 16 de enero de 2009


Hoxe presentamos ás persoas que encabezarán as listas do PPdeG por cada unha das catro provincias galegas. Sinceramente, e como director de campaña do partido, teño que dicir que estou orgulloso de como están saíndo as cousas.

Que temos o mellor candidato tíñao claro dende facía tempo. Feijóo será mellor presidente que Touriño, diso non hai dúbida. Tamén teremos o mellor programa electoral, porque non hai mellor forma de suscitar solucións aos problemas da xente que coñecelos en primeira persoa e tratalos con responsabilidade. E desde logo iso é o que estamos facendo.

Agora chega o momento de completar a alineación, de acabar de formar o equipo que acompañará a Feijóo e a todo o PPdeG na vitoria do un de marzo.

Sempre adoita dicirse iso de que a elaboración das listas é unha das tarefas máis difíciles na dirección dun partido; e é certo. Son moi bos os que estaban, como son moi bos os que van incorporarse. Poderiamos elaborar moitas listas e todas serían moi boas. E é que máis que nunca crece e crece o número de persoas que queren incorporarse ao proxecto de Feijóo. Grazas a todos e a todas. En equipo, unidos, e co esforzo de todos, conseguiremos configurar as mellores candidaturas. E como proba, os cabezas de lista esta mañá presentados.

En Lugo presentamos a unha muller feita a si mesma. Raquel Arias, alcaldesa de Sober, naceu nun pequeno concello rural e soubo trazarse unha traxectoria profesional envidiable. Coraxe e valentía; tesón e saber facer; xenerosidade e compromiso. Estes e outros moitos cualificativos describen á nosa potente baza electoral nunha provincia na que nos xogamos boa parte das nosas aspiracións para facer a Alberto presidente da Xunta. Sei que o partido en Lugo estará á altura, e sei que Raquel varrerá ao resto de partidos que só aspiran a que a súa derrota non sexa por goleada.


Na Coruña, o mellor dos candidatos posibles: Carlos Negreira. É presidente provincial e foi o artífice do vuelco electoral que tivo lugar na cidade herculina nas municipais de 2007. Puxo fin a anos de maioría absoluta de Paco Vázquez e lle birlou ao PSOE tres concelleiros. Ninguén dubida de que será alcalde en 2011. De momento, defenderá os intereses dos cidadáns da provincia e sobre todo da cidade de Coruña no Parlamento galego. É dicir, traballará polos seus veciños en dobre quenda e dobre condición: desde o concello e desde a Cámara. Un exemplo de entrega e dedicación.

Luís Carreira encarna a ilusión dos galegos que ven en Feijóo a solución á situación que atravesa Galicia. É un experto económico que sempre traballou baixo o común denominador do éxito. Con todo, déixao todo para subirse á nave de Alberto porque cre que o proxecto do PPdeG merece a pena, invita a arriscarse e ofrece un desafío ao que é difícil dicir "non". Nunca estivo en política, pero non é desas persoas ás que lles dea medo asumir retos. E iso hónralle. Xente valente, preparada, comprometida e con capacidades recoñecidas é o que necesita Galicia.

Con este partido, programa e plantel está claro que temos todos os mimbres para facer unha campaña ilusionante que nos leve á Presidencia da Xunta.

Ah, faltábame ofrecervos unhas pinceladas sobre o candidato do PPdeG na provincia de Pontevedra. Chámase Alberto Núñez Feijóo, e vai ser o próximo presidente de Galicia.