Fin de vacacións e o inicio dun novo curso político: as malas contas do Goberno Zapatero

lunes, 31 de agosto de 2009

Volvo das pequenas vacacións que me tomei renovado e con máis forza. Disfrutar da compañía da familia e dos amigos, estar presente en cada un dos sorrisos das miñas fillas é algo que non ten prezo. Sirve, máis que nada no mundo, para cargar pilas e regresar ao traballo con anovadas enerxías. Pasei algúns días por terras do sur, como nos últimos anos. É certo que teñen máis horas de sol, e que as comidas e o carácter son distintos. Polo demais, un séntese como en casa, esa casa grande que se chama España, onde todos temos cabida.

Eses días de descanso quedan atrás e veño de retomar o ritmo normal das actividades da consellería e da Xunta. Estamos a punto de estrear un novo curso político. E facémolo coa experiencia de contar con máis de 100 días de goberno detrás. 100 días con resultados. Pero queda moito traballo por diante. As prioridades para remontar a crise seguen estando claras. Agora toca darlles forma a través dunha armazón orzamentaria máis acaída que a que tivemos en 2009. É certo que os recursos son limitados, pero xa puxemos as bases para tirar deles o máximo posible. Con austeridade e rigor, procurando a eficacia por riba de todo.

O Presidente da Xunta dixo recentemente que o noso obxectivo é facer política de altura cos pes na terra. Pasiño e pasiño, como se fan en Galicia as cousas, pero sen perder un horizonte de ambición. Nada que ver coa imaxe que estes días nos está ofrecendo o goberno de España, onde todo é opacidade, falla de previsión e unha constante fuxida cara diante.

Seguimos contando malos resultados económicos, cando Europa parece estar remontando. E o que resulta innegable é que se suman xa demasiados argumentos na conta negativa do Goberno: agora as comunidades autónomas teñen que devolver 6.000 millóns de euros dunha débeda derivada da falla de rigor na elaboración dos orzamentos xerais do Estado; estamos como estabamos ao respecto das cifras de financiamento autonómico que a estas alturas seguen sen estar claras e, nas vésperas de que o Tribunal Constitucional emita a súa sentencia sobre o Estatuto Catalán, véselle polas declaracións de algúns que o que dixemos no seu momento sobre o perigo de alimentar esa aventura no debate territorial non andaba tan desencamiñado.

Estes son os efectos do medio prazo de medidas equivocadas e dunha mala xestión prolongada no tempo. O instantáneo, o de agora, é o engano do pago de axudas a parados sen prestacións e a máis que probable suba de impostos. Esta é a liña, cargar sobre os ombreiros da xente, ocorrencias como a dos 400 euros e demais cheques para comprar o voto.

O peor que pode pasar en política é carecer dun modelo, un modelo económico e un modelo de Estado. Esta é a marca dos socialistas, carecer de modelo para calquera cousa que non sexa o puro electoralismo e a actualidade política máis inmediata.

Hoxe máis que nunca, a alternativa en España chámase Partido Popular, un partido con proxecto e con modelo, un partido que soubo sacar ao país da crise e que volverá facelo logo de que unhas novas eleccións poñan fin a este desaguisado.